O repentino feminismo de Feijóo

Galiza xa ten un goberno legal. Non o foi até hai unha semana coa remodelación da súa estrutura; ao reducir a oito o número de consellerías e manter a mulleres á fronte de catro delas a Xunta de Feijóo cumpre agora a Lei de Paridade. E faino tres anos despois de entrar no Goberno. Esta pequena corrección polo camiño non borra toda unha sucesión de políticas activas en prol da desigualdade que se puxeron en marcha nestes tres últimos anos.

Pode que Feijóo adquirira de súpeto toda a conciencia de xénero que lle faltou ao longo da lexislatura, ou pode que temese que o Tribunal Supremo botara polo chan o seu goberno ante o recurso presentado polo PSG. O caso é que para arranxalo todo, a Xunta debería volver atrás e rectificar boa parte das súas políticas.

Non é críbel a repentina sensibilidade coas cuestións de xénero da Xunta despois de ter suprimido a paga compensatoria ás mariscadoras xubiladas sen pensión contributiva. Estas mulleres non puideron completar o período de cotización mínimo porque o seu traballo non constaba como profesión até o ano 1991, unha cuestión que responde a unha estrutura social puramente patriarcal. Outorgar a estas mulleres unha pensión compensatoria implicaba resarcir o dano causado por un sistema que dá máis importancia ao traballo masculino e continúa a desprezar o feminino.

O Goberno galego tampouco amosou simpatía polas mulleres coa aprobación da Lei de Familia en xuño do 2011. Trátase dunha Iniciativa Lexislativa Popular que promovía a “defensa do matrimonio e a familia”. Foi impulsada polos sectores máis reaccionarios da sociedade, grupos vencellados ao Opus Dei como o Foro Español de la Familia, ou a Confederación de Pais e Alumnos e a plataforma Hazte Oír.

O contido da lei é medieval. Todo vale para defender un modelo de familia único: dende culpar ás mulleres pola baixa natalidade até ocultar o drama da violencia machista, o principal problema que afecta ás mulleres no seo das familias tradicionais. Máis que ser un garante dos dereitos da cidadanía, esta lei conforma unha ladaíña dogmática de marcado carácter católico e patriarcal.

O pretexto da crise serviu tamén para dar algúns pasos máis cara a atrás: menos axudas á dependencia ou recortes no programa Preescolar na Casa. A posta en marcha do coñecido como Salario da Liberdade a mulleres vítimas de violencia machista sufriu tamén o impacto Feijóo. Se no 2006 se destinaban dous millóns de euros con esta fin, tras a entrada do actual Goberno a cantidade foise reducindo até quedar na metade. Ademais, houbo retrasos nos pagos ás mulleres afectadas.

O Goberno da Xunta demostrou dende o ano 2009 a súa despreocupación pola mulleres galegas. E non só iso. A Xunta encabezada por Feijóo traballou contra as galegas. Reduce a igualdade a un eslogan. A nova porcentaxe de representación feminina no Consello da Xunta é agora do 44%, pero o feminismo de Feijóo aínda non convence.

Versión en castelán aquí

1 comentario

Arquivado en conflitos socias, Uncategorized

Unha resposta a “O repentino feminismo de Feijóo

  1. Carolina Sertal

    Sari xa estou aquí, moi bo o teu artigo 😉

Deixar un comentario