Arquivo da categoría: Barcelona

Barcelona nunca estivo tan fermosa

Disque eramos 200.ooo. Outros din que moitos máis, e outros que menos. O certo é que, números aparte, Barcelona onte estaba pletórica. A iso das 16.30 da tarde Plaça Catalunya xa comezaba a encherse. Un home aproveitaba para vender globos de helio con personaxes animadas que acompañaban polo aire aos lemas e reivindicacións. Bob Esponja paseaba polo ceo barcelonés da man de pancartas que rachaban de novo o tedio. Unha muller (con hiyab, por certo, que me reafirmou na idea de que o velo non é incompatible coa rebeldía) colocaba na camiseta algunhas mensaxes que falaban de valores. Outra muller (sí, outra muller), erguía a súa voz para ensaiar os primeiros cánticos: “un banquero se balanceaba sobre la burbuja inmobiliaaaria, como veía que no se caía fue a llamar a otro banqueeero…”.

Un grupo de manifestantes con disfraces de zombis recordábannos o que eramos hai uns meses, antes de termos reaccionado. Nas súas costas lemas como o seguinte: “zombi: yo no necesito cultura, sólo técnicas productivas”. Máis tarde, xusto antes de que as columnas de xenta saíran cara ao Arc de Triomf, os zombis serían os protagonistas cun baile improvisado ao son de Thriller, de Mickael Jackso. Á súa vez, un veterano da Revolución esixía protagonismo ao berro de ¡Muerte al capitalismo!. Nunha man, unha bandeira pirata, na outra, un cigarro. No seu peito a estampa do Che. Coa voz ronca de quen ten vivido repetía de novo ¡Muerte a los capitalistas!, nunha especie de boicot aos zombis que mostraban a súa coreografía con orgullo. Nunha pancarta, alguén animaba a Puig, o conselleiro de interior da Generalitat que ordenou o desaloxo de Plaça Catalunya o 27 de maio, a anotarse a clases de ioga.

#feliz15O

O descontento flutuaba, expresando a súa máxima potencia ante lugares simbólicos como sucursais de entidades bancarias ou a Borsa de Barcelona. Entre a xente parecía haber algún que aínda non se esquecera das praias galegas tinguidas de negro, pois víanse algunhas camisetas co lema Nunca Máis. E non era a única reivindicación que viña de fóra. Unha pancarta sostida por inmigrantes era síntoma de que o movemento é plural. Porén, parecía haber algún que outro desorientado que polo baixo se queixaba: “aquests són els culpables de la crisi”. En fin, cousas que pasan cando se xunta moita xente. Pero o balance final coido que foi positivo. A xente estaba radiante. Dúas mulleres embarazadas amosaban as súas barrigas pintadas como se fosen o globo terráqueo. Levaban no ventre a esperanza debuxada. Barcelona nunca foi tan fermosa.

Deixar un comentario

Arquivado en Barcelona

De comezos e impresións

Barcelona semella cansa. Nos buratos do metro entran multitudes como formigas en masa. Sento ao lado dun home que adormece contra a ventá, mentres os movementos bruscos do metro lle golpean a cabeza contra o cristal. Entre as pernas leva unha bolsa azul. Imaxino que volverá do traballo, é un inmigrante, e creo que na bolsa ten os restos da merenda que levou para o descanso.

Cheguei á gran cidade hai moi pouco tempo, pero xa aborrezo a soidade de quenes, coma min, viven o profundo desarraigo de estar lonxe. As luces artificiais e o barullo do metro converten á cidade nun aparello horrible, onde o traxín duns e máis dos outros acentúa a angustia. Á voz da locutora que indica as paradas é o único amable, a certeza de que aínda somos humanos.

Topei con algún veciño do noroeste por estas terras, case todos espantados. Sumidos no autoodio veñen conquistar o país das marabillas, onde os soños se fan realidade. Falan con desdén da nosa terra porque cren que lles negou oportunidades. A min, ensinoume a ser así. Non veño facer as Américas, hei volver o antes que poida para quitar complexos.

Un blog pode ser un comezo para construirmos estón un país máis decente, e máis se o seu título se inspira en Castelao. Eu prometo non seguir exemplos máis alá do noso, sen ver espexismos en ningún outro lugar que non sexa Galicia. Sen guiarme polo discurso dos que usan a arrogancia, pero sen deixarme levar tampouco pola indiferencia.

3 Comentarios

Arquivado en Barcelona