Arquivo por etiquetas: manifestación

Barcelona nunca estivo tan fermosa

Disque eramos 200.ooo. Outros din que moitos máis, e outros que menos. O certo é que, números aparte, Barcelona onte estaba pletórica. A iso das 16.30 da tarde Plaça Catalunya xa comezaba a encherse. Un home aproveitaba para vender globos de helio con personaxes animadas que acompañaban polo aire aos lemas e reivindicacións. Bob Esponja paseaba polo ceo barcelonés da man de pancartas que rachaban de novo o tedio. Unha muller (con hiyab, por certo, que me reafirmou na idea de que o velo non é incompatible coa rebeldía) colocaba na camiseta algunhas mensaxes que falaban de valores. Outra muller (sí, outra muller), erguía a súa voz para ensaiar os primeiros cánticos: “un banquero se balanceaba sobre la burbuja inmobiliaaaria, como veía que no se caía fue a llamar a otro banqueeero…”.

Un grupo de manifestantes con disfraces de zombis recordábannos o que eramos hai uns meses, antes de termos reaccionado. Nas súas costas lemas como o seguinte: “zombi: yo no necesito cultura, sólo técnicas productivas”. Máis tarde, xusto antes de que as columnas de xenta saíran cara ao Arc de Triomf, os zombis serían os protagonistas cun baile improvisado ao son de Thriller, de Mickael Jackso. Á súa vez, un veterano da Revolución esixía protagonismo ao berro de ¡Muerte al capitalismo!. Nunha man, unha bandeira pirata, na outra, un cigarro. No seu peito a estampa do Che. Coa voz ronca de quen ten vivido repetía de novo ¡Muerte a los capitalistas!, nunha especie de boicot aos zombis que mostraban a súa coreografía con orgullo. Nunha pancarta, alguén animaba a Puig, o conselleiro de interior da Generalitat que ordenou o desaloxo de Plaça Catalunya o 27 de maio, a anotarse a clases de ioga.

#feliz15O

O descontento flutuaba, expresando a súa máxima potencia ante lugares simbólicos como sucursais de entidades bancarias ou a Borsa de Barcelona. Entre a xente parecía haber algún que aínda non se esquecera das praias galegas tinguidas de negro, pois víanse algunhas camisetas co lema Nunca Máis. E non era a única reivindicación que viña de fóra. Unha pancarta sostida por inmigrantes era síntoma de que o movemento é plural. Porén, parecía haber algún que outro desorientado que polo baixo se queixaba: “aquests són els culpables de la crisi”. En fin, cousas que pasan cando se xunta moita xente. Pero o balance final coido que foi positivo. A xente estaba radiante. Dúas mulleres embarazadas amosaban as súas barrigas pintadas como se fosen o globo terráqueo. Levaban no ventre a esperanza debuxada. Barcelona nunca foi tan fermosa.

Deixar un comentario

Arquivado en Barcelona